Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un home falece en Neda tras sufrir unha indisposición mentres recollía miñocas

Unha indisposición puido ser a causa do falecemento dunha persoa en Neda.

O home atopábase recollendo miñocas nunha pista que pasa por debaixo  da Ponte da Autovía, no concello coruñés de Neda, cando ao parecer, empezou a sentirse mal. Así o relataban os Bombeiros de Ferrol que acudiron ao punto nada mais  ser alertados polo 112 Galicia.

O CIAE tivo constancia do suceso ao redor das 19:30 horas de onte, grazas á chamada dun particular que solicitaba unha ambulancia para unha persoa  que se atopaba –tirada- debaixo da Ponte da Autovía que une Neda con Narón.

De inmediato, dende o 112 pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias que desprazou unha ambulancia ao punto. Así mesmo, informouse aos axentes da Policía Nacional e da Garda Civil que solicitaron a intervención dos Bombeiros para o rescate do home, debido á cantidade de lodos que cubría o lugar onde se atopaba.

Falecido en Navia de Suarna
Un home faleceu onte no concello lucense de Navia de Suarna tras sufrir un accidente mentres cortaba árbores no monte.

Pasadas as 18:30 horas da tarde pasada, persoal  sanitario informaba ao 112 Galicia da saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense cara o Centro de Saúde de Navia de Suarna, por mor dunha persoa que sufrira un accidente no monte. Tras o aviso, dende o CIAE solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil.

Pese aos intentos de reanimación, os facultativos só puideron confirmar o falecemento da persoa. 

Trasladada unha persoa en Vigo con queimaduras tras producirse un incendio na súa vivenda

Unha persoa foi trasladada despois de sufrir queimaduras no seu corpo provocadas por un colchón en chamas.

O CIAE tivo constancia do incendio sobre as 19:30 horas da tarde pasada. A esa hora os servizos sanitarios comunicaban ao 112 Galicia o traslado da persoa con queimaduras ao Povisa, de Vigo, tras producirse un incendio  na súa vivenda situada, na Baixada da Segunda República, na cidade de Vigo.  

Nada mais recibir o aviso, o 112 Galicia alertou decontado aos Bombeiros da cidade, que tras contactar co alertante, aseguroulles que o lume estaba extinguido, polo que non foi precisa a súa intervención.

Os axentes da Policía Local e os efectivos de Protección Civil tamén se desprazaron ao punto nada mais recibir ser avisado polo 112 Galicia.

Coche calcinado
O incendio dun turismo obrigou a cortar un carril de circulación da A-52, dirección Madrid, á altura do lugar de Rebordondo, en Cualedro (Ourense).  Ao fío das 21:30 horas da noite pasada o CIAE recibía a chamada dun alertante que indicaba que á súa dona lle estaba ardendo o coche. Case ao mesmo tempo, outros alertantes informaban ao 112 Galicia do mesmo suceso e indicaban ademais, da posibilidade de persoas feridas.

Foi a partir de aí, cando dende o 112 Galicia ademais de alertar aos Bombeiros de Verín, púxose en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias e se solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil.  Afortunadamente, ningunha das dúas ocupantes do vehículo resultou ferida. Así o confirmaba unha das implicadas ao persoal do 112 Galicia que aseguraba que o incendio non se debeu a ningún accidente, unha avaría no vehículo puido ser  a causa da orixe do lume.  

Unha vez sufocado, os Bombeiros indicaron que ardeu o coche na súa totalidade, así como uns 10 metros aproximadamente de maleza da cuneta.