Escuchar

Unha colisión entre dous vehículos sáldase con catro persoas feridas en Ames

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron onte a catro persoas que resultaron feridas a causa dunha colisión entre dous turismos en Portanxil, no concello coruñés de Ames.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, entre os feridos atopábase unha muller embarazada, que viaxaba nun dos vehículos implicados xunto con outras dúas persoas que tamén resultaron feridas.

Igualmente, tivo que ser evacuado o condutor do outro coche implicado, que, segundo indicaron os servizos de emerxencias, invadiu o carril contrario e bateu contra o outro.

Ademais, foi necesaria a intervención dos membros do GES de Brión, así como dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro, para liberar a un dos ocupantes que, como consecuencia do impacto, quedou atrapado no interior dun dos turismos implicados.

A  chamada dun particular ao 112 Galicia minutos antes das dez deste mañá para alertar do accidente permitiu activar un operativo, que completaron os profesionais de Urxencias Sanitarias encargados do traslado dos feridos.

Motorista falecido en Moeche
Non foi o único accidente grave que se rexistrou nas últimas horas do día de onte nas estradas galegas. En Moeche, un motorista resultou falecido tras verse implicado nun accidente cun turismo no lugar de Abade.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do suceso pouco despois das sete da tarde de onte, a través dunha chamada de alerta de Urxencias Sanitarias.

Pouco despois, a Garda Civil de Tráfico confirmou o falecemento do motorista.

Ferido grave en Muxía
Tamén, esta madrugada, unha nai se puxo en contacto co 112 Galicia para pedir axuda para o seu fillo, que acababa de sufrir un accidente co coche que conducía na estrada de Bardullas a Viseo, no concello coruñés de Muxía.

A nai asegurou que o mozo perdera o coñecemento no transcurso dunha breve comunicación que mantiveron, polo que solicitou asistencia sanitaria urxente.

Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias. Tamén se avisou aos bombeiros de Cee, aínda que a ferido estaba liberado e accesible.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das dúas desta madrugada e puxo en marcha un operativo que completaron os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Atropelo en Lugo
Por outra banda, en Lugo, os profesionais sanitarios enviaron unha UVI móbil para atender a unha persoa que resultou ferida de gravidade tras ser alcanzada por un turismo fronte ao Centro Comercial das Termas, en Lugo.

Ocorreu preto das 22:30 horas de onte na Avenida Infanta Elena e ata alí se dirixiron tamén os axentes da Policía Local.

Dous atrapados en Moraña
Por último, dúas persoas tiveron que ser excarceradas tras quedar atrapadas no interior do vehículo no que viaxaban a causa dun accidente.

Ambos os dous ocupantes foron trasladados por Urxencias Sanitarias ao hospital de referencia unha vez liberados, aínda que o seu estado non revestía gravidade.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o vehículo saíuse da vía cando circulaba pola EP-0018, na intersección coa PO-221, concretamente, no lugar de Paraños.

Faltaban quince minutos para as dez da noite cando o 112 Galicia recibiu a chamada do particular pedindo axuda para os dous ocupantes do turismo.

A partir de aí, púxose en marcha un operativo no que participaron os bombeiros do Salnés, GES da Estrada e Protección Civil.