Boletín Informativo das 09:00 horas do día 12/10/17

xoves, 12 Outubro, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Morre un home atropelado mentres camiñaba pola autovía da Costa da Morte

Un home faleceu en Coristanco, na AG-55, tras ser atropelado por un vehículo. Segundo se lle indicou ao 112, a vítima estaba camiñando pola autovía, unha zona restrinxida ao tráfico de peóns.

A primeira persoa que se puxo en contactou co 112 Galicia, ás 21:00 horas de onte, indicou que o varón estaba á altura do quilómetro 46, preto do enlace de Agualada, nos carrís en sentido Vimianzo. Poucos minutos despois, contra as 21:15, outro condutor chamou ao 112 para indicar que o vehículo que o acababa de adiantar atropelara ao home. Engadiu que a vítima quedara tendida na calzada. 

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertou da presenza do home na autoestrada á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de conservación da vía. Unha vez se recibiu o aviso do atropelo, dende o CIAE do 112 alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Bergantiños, ao GES de Ponteceso e a Protección Civil.

 

Tres persoas feridas en Lalín nunha colisión entre dous coches

Unha colisión entre dous vehículos, rexistrado esta noite en Lalín, deixa tres persoas feridas. Todas elas foron evacuadas a un centro hospitalario. 

O accidente produciuse na avenida Xosé Cuíña. Unha persoa particular alertou do choque ás 22:00 horas de onte. 

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Deza, do GES de Lalín e da Policía Local.

Motorista ferido
Ademais, en Foz, un motorista resultou ferido tras atropelar un xabaríl. Os feitos tiveron lugar no quilometro 40 da N-642, á altura da parroquia de Cangas. 

Foi unha persoa particular a que deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 23:14 horas da pasada noite. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. 

 

Evacuado ao inhalar fume nun pequeno incendio no Barco de Valdeorras

Unha persoa tivo que ser trasladada a un centro hospitalario tras declararse un pequeno incendio na súa vivenda, no Barco de Valdeorras. A vítima foi evacuada por inhalación de fume. 

O incendio declarouse na cociña dun piso da avenida de Eulogio Fernández. As lapas orixináronse no motor da neveira e acabaron danando varios mobles da estancia. 

Foi o propio afectado o que chamou ao 112 Galicia ás 3:40 horas desta mañá. Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención as Emerxencias alertouse ao 061-Urxencias Sanitirias, aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras. Tamén se informou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil.