Boletín Informativo das 09:00 horas do día 13/09/17

venres, 13 Outubro, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dous feridos nun accidente ocorrido en Pontedeume

Dúas persoas resultaron feridas tras producirse un accidente en Pontedeume. O sinistro ocorreu na localidade de Pontedeume, á altura do punto quilométrico 20 da AP-9, dirección Ferrol.

Ás 07:15 horas desta mañá, varios particulares alertaban ao 112 Galicia do sinistro. Indicaban que había varios coches implicados e un deles estaba envorcado. De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) púxose en alerta ao persoal do 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Eume. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Tamén, informouse ao persoal do servizo de Autoestradas que, segundo explicaron, foron dous coches os que envorcaron e dúas persoas as que precisaron asistencia sanitaria.

Ferido grave en Ourense
Unha caída de moto saldouse co motorista ferido de consideración. Sobre as 21:00 horas horas da noite pasada, persoal sanitario informaba ao CIAE dunha caída de moto na Rúa Marcelo Macías, á altura de Telefónica. Segundo explicaron os técnicos sanitarios, o motorista resultou ferido de gravidade. Tras recibir a chamada, dende o 112 Galicia, axiña se solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local e de Protección Civil. Os Bombeiros da cidade tamén foron informados do suceso.

 

Desaloxado un edificio en Vilagarcía a causa dun incendio nunha vivenda

Un incendio nun piso obrigou aos servizos de emerxencia a desaloxar un edificio da Rúa de Cervantes, en Vilagarcía de Arousa. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais, iso si, arderon dúas habitacións e o salón da vivenda na súa totalidade. Así o relataron os Bombeiros de Vilagarcía unha vez remataron as tarefas de extinción. Ademais, segundo relataron, desprendeuse parte do teito da vivenda.

Sobre ás 04:15 horas desta madrugada, un particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. A partir de aí,  dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) pasouse aviso, decontado, aos membros de extinción de Vilargacía. Ante a inseguridade, segundo o  alertante, da existencia de persoas no interior, o persoal do CIAE alertou ao 061-Urxencias Sanitarias que desprazou ata o punto unha ambulancia medicalizada. Afortunadamente, non foi precisa a intervención do persoal sanitario.

No operativo tamén participaron os Bombeiros de Ribadumia, axentes da Policía Nacional e Local e os efectivos de Protección Civil da localidade. Unha vez sufocado o lume, sobre as 05:00 horas, os membros de extinción procederon coas tarefas de ventilación e de desescombro.

A esta hora, os veciños do inmoble continúan fora das súas vivendas,  á espera de que técnicos do Concello, inspeccionen a zona e fagan as correspondentes valoracións.

Casa abandonada
Por outra banda, no Porriño, sobre as 21:00 horas deste xoves, un particular informaba ao CIAE doutro incendio. Indicaba que ardía unha casa abandonada na Rúa Manuel Rodríguez a carón doutras vivendas que si estaban habitadas, ademais, aseguraba que podía haber persoas no interior. Así, ademais de poñer os feitos en coñecemento dos Bombeiros do Baixo Miño e da Policía Local, os profesionais do 112 Galicia alertaron tamén aos servizos sanitarios por si fose precisa a súa intervención. Tamén, no dispositivo participaron os Bombeiros de Ponteareas e os efectivos de Protección Civil de Porriño e de Mos.

Os membros do parque comarcal do Porriño confirmaron que se tratou dunha casa que ás veces, era habitada por dogrodependentes. Ardeu a casa na súa totalidade sen que ninguén resultase afectado.