Escuchar

Tres persoas foron evacuadas tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban en Vedra

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) a tres persoas que resultaron feridas tras saírse da vía o turismo no que viaxaban en Vedra.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 10:30 horas desta mañá na estrada que une Pontevea con Ponteulla, ao paso pola parroquia vedresa de Sarandón.

As testemuñas do accidente aseguraban que había persoas atrapadas no interior do vehículo accidentado, polo que o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia alertou aos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ordes e Santiago, que descartaron intervir en canto lograron saír todas as persoas do turismo.

Tamén os profesionais de Urxencias Médicas valoraron o desprazamento do helicóptero medicalizado con base en Santiago, pero, finalmente, os feridos puideron ser evacuados en ambulancia.

 

Un traballor erguese polo seu propio pé despois de caer desde o tellado dunha nave industrial en Narón

Os servizos sanitarios de urxencia atenden arestora a un operario que caeu desde o tellado dunha nave industrial situada fronte ao apeadeiro do Feve, en Narón.

Segundo explicou o equipo médico, o ferido ergueuse polo seu propio pé, aínda que presenta síntomas de desconcerto e desorientación. 

Pola súa banda, a persoa que contactou co 112 Galicia para pedir axuda asegurou que o traballador caeu dunha altura de 10 metros aproximadamente, polo que pediu asistencia médica urxente.

Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertou aos servizos sanitarios, así como aos axentes da Policía Nacional e Local.