Boletín Informativo das 13:00 horas do día 12/10/17

xoves, 12 Outubro, 2017 - 12:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Morre un home en plena rúa, en Marín

As forzas da orde investigan as causas da morte dun home, en Marín. A vítima faleceu en plena rúa, nas inmediacións do cemiterio e tanatorio do municipio. 

Foi unha persoa particular a que deu a voz de alarma ao 112 Galicia, ás 10:15 horas desta mañá. Segundo indicou, o home estaba tirado seminconsciente na vía pública.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertou da situación ao 061-Urxencias Sanitarias. Unha vez se confirmou o falecemento da vítima, dende a central do 112 informouse á Policía Nacional. 

 

Dúas persoas feridas, unha delas excarcerada, nun accidente en Caldas de Reis

Unha colisión entre unha furgoneta e un turismo, rexistrada esta mañá en Caldas de Reis, deixa dúas persoas feridas, unha en cada vehículo. A vítima que circulaba na furgoneta, tivo que ser excarcerada polos efectivos de emerxencia.

O sinistro rexistrouse en Carracedo, na estrada N-550. Unha persoa particular alertou dos feitos ao 112 Galicia ás 8:20 horas desta mañá.  

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros do Salnés e do GES de Valga. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.