Boletín Informativo das 13:00 horas do día 24/11/17

venres, 24 Novembro, 2017 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Alomenos dous feridos en senllos accidentes ocorridos en Narón esta mañá

Dúas persoas, alomenos, resultaron feridas esta mañá en senllos accidentes ocorridos en Narón.

O primeiro deles tivo lugar pasados uns minutos das 09:30 horas. Foi un camioneiro quen, a esa hora, chamou ao 112 Galicia para informar do accidente. Indicaba que lle acababa de adiantar un turismo, no punto quilométrico 12 da AG-64, saíuse da vía e desprazouse polo aire quedando á beira dun desnivel. Afortunadamente, o condutor puido saír polos seus medios do interior do turismo.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Narón que axiña se desprazaron ao punto indicado. Así mesmo, dende o CIAE requiriuse a intervención do persoal do servizo de mantemento da Autovía, polos danos ocasionados na calzada debido ao impacto.

Case unha hora mais tarde, sobre as 10:30 horas, persoal sanitario informaba ao 112 Galicia doutro accidente, tamén no concello coruñés de Narón.

Neste caso tratouse dun choque entre dous vehículos que circulaban pola estrada da Gándara, detrás do Odeón. Indicaban que unha ambulancia se dirixía, nese intre, cara o lugar.

Con todo, dende o CIAE informouse do suceso á Policía Local e aos membros do parque comarcal que nada mais chegar, procederon á limpeza da vía.  

Coche envorcado na A-55
Por outra banda, persoal sanitario informaba ás 10:00 horas, ao 112 Galicia dun coche envorcado na A-55, no punto quilométrico 12, á altura da localidade de Mos. Tras recibir o aviso, os profesionais do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Baixo Miño e, ademais, informaron á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade.

Ao chegar ao punto, os Bombeiros indicaron que non foi preciso o uso do material de excarceración e a vítima, estaba sendo xa  evacuada polos servizos sanitarios de urxencia.