Boletín informativo das 19:00 horas do día 11/10/17

mércores, 11 Outubro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un helicóptero rescata un excursionista ferido no Monte Pindo

O helicóptero Pesca 1 evacuou esta tarde un excursionista que resultou ferido mentres realizaba unha ruta de sendeirismo polo Monte Pindo, en Carnota. A vítima é un home de 78 anos, que fracturou unha perna.

Os feitos tiveron lugar nunha zona de acceso complicado para os efectivos de emerxencia, na contorna da pedra do Guerreiro, na zona de Chan de Lourenzo. Segundo indicaron os efectivos de emerxencia ao 112, o rescate por terra resultaba inviable, xa que ao punto onde agardaba a vítima só se podía acceder a pé. Deste xeito, decidiuse mobilizar o helicóptero Pesca 1, que se encargou de trasladar o varón ata o Hospital do Barbanza.

O 112 Galicia recibiu unha chamada dunha persoa particular ás 13:30 horas de hoxe. Segundo indicou, a vítima estaba acompañada doutras dúas persoas.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Cee, de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se alertou ao GES de Muros, a Protección Civil e á Policía Local.

 

Cinco persoas feridas noutros tantos accidentes con motocicletas implicadas

Ata cinco persoas resultaron feridas nas últimas horas na rede viaria galega en accidentes de tráfico nos que se viron implicadas motocicletas.

O sinistro máis recente tivo lugar en Bueu. Alí, unha persoa resultou ferida tras caer da súa moto. O accidente tivo lugar na Avenida de Marín. Ocorreu contra as 17:20 horas, segundo indicou unha persoa particular ao 112 Galicia.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia informou da situación ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Morrazo, a Protección Civil e á Policía Local.

Unha hora antes, pero en Oleiros, outra persoa resultaba ferida despois de que a súa moto batese contra un coche. A vítima acabou precipitándose á vía.

A colisión ocorreu na avenida de Emilia Pardo Bazán. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 16:25 horas desta tarde. Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse aos efectivos sanitarios, aos Bombeiros de Arteixo, a Protección Civil e á Policía Local.

Na Coruña, outra persoa resultaba ferida, ao caer da súa moto. Foi na praza de Pontevedra, á altura dunha parada de bus.

O 112 Galicia tivo coñecemento da situación ás 13:40 horas desta tarde, a través dun aviso do 061-Urxencias Sanitarias. Dende a central do 112 informouse aos Bombeiros da Coruña e á Policía Local.

Dous accidentes en Vigo
En Vigo, mentres, un mozo resultaba ferido esta tarde, tras ser atropelado por unha moto. Ocorreu na rúa García Barbón, contra as 16:00 horas

Foi unha persoa particular a que deu conta do sinistro ao 112 Galicia. Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse ao 061, aos Bombeiros de Vigo, a Protección Civil e á Policía Local.

Na cidade olívica tamén resultaba ferida outra persoa nun accidente de moto. A vítima sufriu unha caída, desta volta na rúa Clara Campoamor. Unha persoa particular alertou ao 112 ás 13:45 horas de hoxe.

O persoal do CIAE do 112 puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local.