Boletín informativo das 19:00 horas do día 12/09/17

martes, 12 Setembro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12.00 e as 18:00 horas

Trasladadas catro persoas despois dunha colisión múltiple en Mos

Catro persoas tiveron que ser trasladadas despois dunha colisión entre outros tantos coches no termo municipal pontevedrés de Mos. O accidente produciuse no punto quilométrico 12 da A-55, dirección Tui.

O 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través dun particular ás 14:20 horas.

Acto seguido, os profesionais do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia poñían a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Baixo Miño e de Protección Civil.

Coche envorcado
Por outra banda, unha persoa resultou ferida esta tarde despois de que o coche no que viaxaba envorcase en Moeche. A vítima foi trasladada ata un centro hospitalario.

O sinistro ocorreu na AC-862, concretamente no punto quilométrico 36, sentido Ortigueira.

Foi un particular quen alertaba do accidente ao 112 Galicia ás 15:20 horas. Indicaba no seu relato que a persoa accidentada estaba atrapada.

Nese momento, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso aos efectivos do GES de Ortigueira -que se achegaron ao lugar dos feitos cun equipo de excarceración-,  aos Bombeiros do Eume, ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o GES de Ortigueira descartou o emprego dos instrumentos de excarceración xa que a vítima, que foi evacuada nunha ambulancia, atopábase accesible.

Colisión
Ademais, o 112 Galicia tivo constancia, a través do 061-Urxencias Sanitarias, dun accidente de tráfico no que se viron implicados dous turismos en Coristanco. Por mor do impacto, un home tivo que ser trasladado ao centro hospitalario de referencia.

O accidente ocorreu no Alto do Carrizal, na parroquia de Agualada. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os vehículos accidentados estaban sen sinalizar e nunha zona perigosa.

Dende o CIAE 112 Galicia informouse do sinistro á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Bergantiños, a Protección Civil de Curtis e de Coristanco e aos efectivos do GES de Ponteceso.