Boletín informativo das 19:00 horas do día 13/02/18

martes, 13 Febreiro, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Liberada unha persoa na Laracha ao quedar encaixado contra un lateral da estrada o coche no que circulaba

Unha persoa resultou ferida esta tarde ao saírse da vía o turismo no que viaxaba na Laracha. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser liberada polos Bombeiros de Carballo e os efectivos do 061-Urxencias Sanitarias, despois de que o coche rematase accidentado nun lateral da estrada.

O sinistro ocorreu no punto quilométrico 25 da AG-55, sentido A Coruña, ao fío das 17:30 horas. Nese momento o 112 Galicia recibía a alerta dun particular, que informaba do accidente.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do persoal sanitario, dos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Carballo, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

Saída de vía                                                                                                                        
Por outra banda, en Mos, unha saída de vía saldábase con dúas persoas feridas. O accidente tivo lugar en Tameiga, na saída do Hospital Álvaro Cunqueiro en dirección á autovía A-55.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 14:35 horas, a través das alertas do 061-Urxencias Sanitarias e dun particular.

Acto seguido, dende o CIAE pasouse o aviso á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.