Boletín informativo das 19:00 horas do día 14/02/18

mércores, 14 Febreiro, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Liberada unha muller despois de que o coche no que circulaba envorcase en Mos

Unha muller resultou ferida esta tarde en Mos, ao envorcar o turismo no que viaxaba no tramo que enlaza a autovía A-55 coa AP-9, á altura da saída a Pontevedra. Segundo puido saber o 112 Galicia, os servizos de emerxencias liberaron pola porta traseira do vehículo á vítima, que quedou atrapada no interior do coche ao rematar accidentado nunha posición complicada.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 14:40 horas, a través da alerta dun particular.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, de Protección Civil, dos Bombeiros do Porriño e de Vigo e da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar do accidente, os servizos de emerxencias estabilizaron o turismo accidentado e liberaron á muller, que foi trasladada nunha ambulancia ao Hospital Povisa.

Accidente en Pontecesures                                                                  
Por outra banda, o accidente múltiple no que se viron implicados tres turismos e un camión este mediodía  en Pontecesures saldouse, finalmente, con catro persoas feridas. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as vítimas tiveron que ser trasladadas ao Hospital A Rosaleda.

O sinistro ocorreu na N-550, concretamente no punto quilométrico 84, ao fío das 12:00 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta da colisión múltiple a través do 061-Urxencias Sanitarias.

Acto seguido, dende o CIAE pasouse o aviso á Policía Local, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES)  de Valga, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.