Boletín informativo das 19:00 horas do día 24/09/17

domingo, 24 Setembro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha muller e un rapaz, trasladados ao saírse da vía co seu coche en Silleda

Unha muller e un neno resultaron feridos esta tarde ao saírse da vía o turismo no que viaxaban e chocar contra unha árbore en Silleda. A muller tivo que ser trasladada no helicóptero medicalizado con base en Santiago ata un centro médico e o neno foi evacuado nunha ambulancia ao Punto de Atención Continuada da localidade.

O accidente ocorreu no lugar de Bustelo, na parroquia de Escuadro. Foi o persoal do 061-Urxencias Sanitarias quen alertou do sinistro ao 112 Galicia ás 15:00 horas.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia informaba do ocorrido á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Deza.

 

Trasladado un menor despois dun incendio nunha vivenda na Estrada

Un menor tivo que ser trasladado a un centro hospitalario despois de queimarse de xeito leve nas mans a causa dun incendio declarado nunha vivenda na Estrada. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha habitación do inmoble ardeu por completo e dúas estancias lindeiras víronse afectadas polo lume. Ademais, a causa do incendio, o fume estendeuse por toda a casa.

Os feitos tiveron lugar nunha vivenda unifamiliar de dous andares situada na rúa Figueroa de Arriba. O 112 Galicia tivo constancia do incendio a través da alerta dun particular ás 15:00 horas.

Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Estrada, aos Bombeiros do Deza, á Policía Local e ao 061-Urxencias Sanitarias.

Unha vez no punto, a Policía Local pechou a circulación na rúa por precaución. Pola súa banda, o GES sufocou o lume, sacaron o escombro e ventilaron a vivenda, que quedou inhabitable.

As Forzas da Orde investigan as causas que provocaron o incendio.