Escuchar
xoves, 8 Novembro, 2018

Ao fío das 21:00 horas da noite pasada, tres persoas resultaban feridas nun accidente entre outros tantos vehículos.

O accidente ocorreu no momento en que os vehículos circulaban ao seu paso pola Travesía de Montouto, en Cacheiras, no concello coruñés de Teo.  

Unha persoa particular foi quen, a esa hora, alertou ao 112 Galicia. Solicitaba asistencia sanitaria para o accidente no que podía haber menores feridos. Así, o persoal do CIAE pasou aviso decontado ao 061-Urxencias Sanitarias, ademais, informou dos feitos aos axentes de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os profesionais sanitarios confirmaron ao 112 o traslado de tres persoas ao centro hospitalario La Rosaleda de Santiago.

Dous feridos en Pontevedra
Por outra banda, pasados uns minutos das 19:30 horas da tarde pasada, o CIAE era informado doutro accidente múltiple con dúas persoas feridas. Ao igual que no caso anterior, tratouse dun choque entre outros tres turismos que circulaban pola N-550, á altura do lugar de Cabanas, na parroquia pontevedresa de Salcedo.

Tras recibir a chamada dun alertante, dende o 112 Galicia pasouse aviso aos servizos sanitarios de urxencia. Tamén, solicitouse a colaboración  dos axentes de Tráfico e da Policía Local e informouse aos Bombeiros de Pontevedra e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Persoal do 061 confirmou ao 112 Galicia o traslado de dúas persoas feridas ao centro hospitalario de referencia.