Frea de xeito suave e intermitente

conducir con néboa

A néboa non é unha boa compañeira de viaxe: é un dos fenómenos meteorolóxicos que máis poden dificultar a condución. As brétemas reducen a visibilidade do condutor ou condutora e multiplican o risco dunha saída de vía ou colisión. Adoitan aparecer pola mañá ou na tarde, así que se é posible, evita conducir nestes momentos

Tendo en conta os riscos e dificultades que implican estas condicións ao volante, dende o 112 Galicia ímosche dar unha serie de indicacións para saber actuar ante a presenza de bancos de néboa na estrada e que a túa viaxe poida continuar.

 

  • As luces sempre acesas para que os outros coches te vexan. Deberás levar acesas as de posición e cruce, pero nunca as longas. Estas reflicten nas brétemas e dificultan aínda máis a visibilidade.
     
  • As luces antinéboa  foron creadas para este tipo de situacións. O uso das dianteiras é opcional. As traseiras só se poden empregar en caso de brétemas moi densas, cando realmente nos temos que facer ver. Se ves que molestas ao resto de usuarios da vía deberás desconectalas.
     
  • Reduce a velocidade e aumenta a distancia de seguridade. Baixa paulatinamente a túa velocidade e adáptate progresivamente ás novas condicións da vía. Podes seguir a regra 3V Visibilidade = Velocidade = Vehículo dianteiro, é dicir, cunha visibilidade de 10 metros débese circular a 10 quilómetros por hora e separarse 10 metros do coche de diante.
     
  • Circula polo carril da dereita.  Se vas por unha autoestrada ou autovía faino sempre pola dereita e evita os adiantamentos. Para guiarte, toma como referencia a liña branca da dereita da calzada e non confíes no que faga o vehículo que leves diante, pode equivocarse ou pódete distraer.
     
  • Emprega o freo de xeito suave e intermitente. Deste xeito calquera coche que vaia detrás de ti poderá verte dende unha maior distancia.
     
  • Reduce o ruído. Intenta conducir en silencio, xa que o oído pode axudar a que te decates da presenza dalgún vehículo ou obstáculo. Nun cruce de estradas, mesmo podes baixar a ventá e afinar o oído.
     
  • Para por seguridade. Só debes parar cando atopes un lugar seguro, como unha área de servizo. Se tes unha incidencia e non atopas un lugar protexido onde deterte, faino o máis preto posible do carril dereito e acende os intermitentes de emerxencia. Ten moito coidado se non tes outra alternativa que parar na beiravía, podes molestar aos outros condutores ou mesmo provocar un accidente.
     
  • Mantén a calma. Evita as présas e circula amodo. Non te deixes levar polas confianzas, aínda que a estrada pola que circules sexa coñecida. 

 

  • Se necesitas axuda chama ao 112 Galicia.