Escuchar
venres, 9 Novembro, 2018

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) impediu que os residuos de gasóleo espallados e procedentes dun depósito que se  almacenaba nun baixo anegado, chegasen ao Río.

Pasaban uns minutos das 22:30 horas da noite pasada, cando un particular informaba ao 112 Galicia de que tiña o soto da casa, situada na Rúa da Xenza, en Liáns, Oleiros, anegado por mor da auga procedente do alcantarillado.

Con estes datos, dende o 112 Galicia informouse  aos Bombeiros de Arteixo, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Tras chegar á vivenda, os servizos de emerxencia comprobaron que eran precisos medios de contención debido a que, na mesma, había un tanque duns 800 litros  de gasóleo que se estaba derramando.  Así, tras poñer os feitos en coñecemento do persoal do Concello e do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e despois de valorar a situación, para evitar que o verquido chegase ao río, desprazouse ata o lugar o equipo do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) con material absorbente.

Finalmente, sobre as 06:00 horas de hoxe, persoal do GALI e os Bombeiros comunicaban ao 112 Galicia o remate da intervención. A fuga quedara neutralizada e os residuos recollidos nun bidón, á espera de ser retirados polos técnicos cualificados.